Tuesday 30 de April de 2024

A Xunta deseña unha rede de infraestructuras industriais para facilitar que máis de dous millóns de galegos conten cun servizo de valorización da materia orgánica en menos de 50 KM


Esta planificación inclúe as catro plantas de biorresiduos e as 13 plantas de transferencia para o transvase da materia orgánica que darán servizo aos concellos adheridos a Sogama

A Xunta ten definida unha rede de infraestruturas industriais para facilitar que máis de dous millóns de galegos que residen en 280 concellos conten cun servizo de valorización da materia orgánica a menos de 50 quilómetros.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que esta rede está integrada polas 4 plantas de biorresiduos que constrúe a Xunta e 13 plantas plantas de transferencia, que se construirán, modernizarán e actualizarán para garantir este servizo. Neste sentido, a conselleira avanzou que hoxe mesmo se licita por 1,2 millóns de euros as obras da nova planta de transferencia da Lama, que substituirá e mellorará a microplanta que leva anos operando neste concello. Vázquez Mejuto, acompañada polo presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, visitou a parcela onde se ubicará esta nova instalación.

Destacou que a Xunta vén mobilizando unha partida de 52 millóns de euros para mellorar a xestión dos biorresiduos e seguir reducindo así as emisións de CO2. Unha porcentaxe importante deste orzamento global (35 millóns de euros) investirase en aumentar a operatividade desta rede, concreta,ente á construción das catro novas plantas de biorresiduos que se localizarán nos concellos de Cerceda, xa operativa, Vilanova de Arousa, Cervo e Verín. No seu conxunto poderán procesar 46.200 toneladas anuais de residuos orgánicos e material estruturante, obtendo un máximo de 13.000 toneladas de compost de calidade. Cómpre recordar que son unhas instalacións que se complementarán con outras destas características, tanto públicas como privadas, actuais e futuras, para o tratamento deste tipo de refugallos.

Asemade, tamén se mellorarán as plantas de transferencia, coa instalacións dunha tolva en 7 plantas (Chantada, Sarria, Vigo, Silleda, A Rúa, Narón e O Porriño) e no caso da planta de transferencia de Cee -tal e como se avanzou onte- esta ubicarase no polígono industrial, onde se construirá unha nova planta. Tamén se aposta pola conversión de 5 microplantas en plantas de transferencia. Detallou que -ademais da prevista na Lama- no caso das localizadas en Curtis e Ponteceso, estas ampliaranse na mesma ubicación, mentres que para as da Cañiza e Riotorto se está a estudar os posibles novos emprazamentos.

Ángeles Vázquez defendeu que con esta infraestrutura se garante unha planificación responsable para a recollida selectiva desa nova fracción, habilitando os medios necesarios para poñer enriba da mesa un plan que facilite aos concellos a xestión deste refugallo urbano.

Nova planta de tranferencia da Lama
A conselleira de Medio Ambiente lembrou que a Unión Europea fixou, para finais de 2023, o reto de ter implantada a recollida selectiva da materia orgánica a través do quinto contedor, o de cor marrón. Co obxectivo de axudar aos entes locais nesta responsabilidade municipal, a Xunta impulsou distintos proxectos para cumprir con este obxectivo.

Ángeles Vázquez anunciou que hoxe se avanza un chanzo máis neste camiño, coa licitación da nova planta de transferencia da Lama por un importe de 1,2 millóns de euros. Estará instalada no polígono industrial de Racela, nunha parcela de case 2.300 m2, e tamén dará servizo aos concellos de Cercedo-Cotobade, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas, aínda que se poderá ampliar a outros municipios pois ten unha capacidade de transferencia de máis de 5.000 toneladas ao ano.

O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, indicou que, ademais dunha nave de 600 m2, contará cos seguintes elementos: un compactador fixo, unha báscula, un sistema de translación de contedores, con capacidade para dous, un aparcamento de contedores, unha depuradora de augas residuais e paneis solares para o propio autoconsumo da planta, fomentando deste xeito as enerxías renovables.

Esta operativa permitirá transferir, ademais da bolsa negra e da bolsa amarela, a fracción de residuos orgánicos recollidos no contedor marrón, que posteriormente serán enviados á planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa cando estea operativa.